Sunday 19 de May de 2024

A Deputación da Coruña investirá 150.000 euros no arranxo do polideportivo do colexio Campomaior


Verónica Gómez celebra que “esta nova Deputación non é a mesma ca anterior, senón que atende todas as peticións sen mirar a cor política do Concello e apoiou un investimento que os socialistas de Ordes propuxemos en xaneiro”

O grupo municipal socialista de Ordes celebra a aprobación por parte da Deputación da Coruña dun investimento de 150.000 euros para o arranxo do polideportivo do colexio Campomaior. “Unha proposta que fixemos os Socialistas de Ordes en xaneiro deste ano e que agora a Deputación vén de aprobar, demostrando que a política do equipo de Valentín González Formoso non é a mesma ca anterior, senón que atende todas as peticións sen mirar a cor política do Concello”, destaca Verónica Gómez, voceira municipal do PSOE de Ordes.

O investimento foi aprobado na sesión plenaria de onte venres con cargo ao Remanente de Tesourería da Deputación provincial. As obras consistirán no arranxo da pista do polideportivo do colexio Campomaior, así como do seu peche perimetral. Tamén se acometerá unha ampliación do graderío e a mellora tanto dos vestiarios como dos accesos á instalación. En total, a Deputación investirá 150.000 euros, mentres que o Concello de Ordes terá que achegar outros 30.000 euros.

Verónica Gómez salienta que “mentres a Deputación do PP se dedicou a castigar a Ordes por non ter un goberno da súa mesma cor política, a nova Deputación do socialista Valentín González demostra que resolve as necesidades dos concellos independentemente de quen estea ao mando, como demostrou incluso antes coa aprobación do Plan de Obras e Servizos e do Plan de Acción Social que supuxeron o maior investimento que recibe Ordes nos últimos anos”. Unha situación que “os Socialistas de Ordes seguiremos apoiando e colaborando para conseguir traer máis investimentos a Ordes, tal e como fixemos dende sempre”.